Non tivemos novas das candorcas pero non é seguro que marchasen
Desde finais de agosto as candorcas convertéronse en noticia en Galicia. É habitual que pasen polas nosas costas ao remate do verán pero nesta ocasión chamaron a atención os seus encontros con veleiros.
As protagonistas dos incidentes están identificadas. Puxéronlles de nome as Gladis e son tres exemplares adolescentes. Para que se fagan unha idea, os machos adultos poden pasar das cinco toneladas e dos nove metros, pero non están considerados animais perigosos.
Rexistráronse unha trintena de interaccións desde xullo, na súa migración de sur a norte. Seis en Xibraltar, cinco en Portugal e 22 fronte ás costas galegas. Nun 15% dos casos causaron danos nos barcos e obrigaron a limitar a navegación de veleiros pequenos entre Fisterra e Estaca de Bares.
É probable que as Gladis regresen o ano que vén. Farano se atoparon boa comida por aquí. O experto asegura que son moi intelixentes e que teñen unha memoria excelente.