CRTVG

Buscar

Non se prevén novas restricións na área da Coruña, que ten a metade dos casos de Galicia

Publicado o 24/08/2020 14:48

Terminou a xuntanza telemática que a Consellería de Sanidade mantivo cos concellos da área metropolitana da Coruña tras escoitar o comité de expertos esta mañá. Polo momento, non se prevén novas restricións. Mentres tanto, medran os casos diagnosticados nesta área sanitaria.

Segue á alza o número de contaxios na área sanitaria da Coruña-Cee, que suma 70 novos positivos nas últimas 24 horas. Aínda así, o elevado número de altas, máis de 40 e un falecemento, deixa en 29 a suba de casos activos, que se sitúan nun total de 1.236, máis da metade dos rexistrados en toda Galicia.

Mantense a presión hospitalaria, con 55 persoas ingresadas, 6 na UCI, dúas máis ca onte. Nas últimas 24 horas tamén hai que lamentar a morte dun home de 66 anos diagnosticado de covid-19 que estaba ingresado en planta no CHUAC.

En canto á situación das residencias de maiores, no centro Orpea, en Culleredo, onde a fin de semana faleceu con coronavirus un dos anciáns residentes, hai 10 usuarios contaxiados e 4 traballadores.

Mentres, no punto covid situado nos exteriores do centro de saúde do Ventorrillo continúa o cribado masivo entre a poboación de 18 a 40 anos da cidade da Coruña. As probas PCR entre os mozos e mozas son voluntarias para detectar posibles casos asintomáticos. A evolución da pandemia preocupa na área metropolitana coruñesa.

Seguen tamén os cribados nos concellos. Este luns, no Punto de Atención Continuada de Culleredo practicáronselles probas PCR masivas aos traballadores deste municipio máis expostos á covid-19.

Noticias web

24/08/2020