Non se desbotan novas medidas para o Nadal
Seguen medrando os contaxios en España e as autoridades sanitarias cren que esta tendencia se vai manter ata mediados de xaneiro.
Fernando Simón advertiu de que é probable que se tomen novas medidas a próxima semana, unha vez coñecidos os efectos da ponte da Constitución e antes das festas do Nadal.
Xa con 207 casos por cen mil habitantes en 14 días, a situación está mal e pode empeorar. Polo que non descarta cambios no plan inicial para as festas. Di que haberá que cancelar unha forma de celebrar o Nadal.
Contundente foi a decisión da Generalitat valenciana. Non se autoriza ningunha reunión familiar ou social que supere as seis persoas, cun máximo de dous grupos de convivencia.
Elimínase a opción de ter ceas e reunións con achegados e o toque de queda será ata as once da noite, agás o 24 e o 31 de decembro, que será ata as doce.
Tamén Cataluña vai anunciar hoxe medidas ante o aumento da propagación do virus. O vicepresidente Pere Aragonés xa adiantou que variarán o plan inicial e que adoptarán decisións para frear a mobilidade a partir desta fin de semana.
Asegurou que os datos epidemiolóxicos na rexión obrigan a retroceder na desescalada.
A Comunidade de Madrid tamén vai anunciar o seu plan de Nadal. A presidenta Ayuso xa dixo que non vai pechar perimetralmente a comunidade máis alá da restrición imposta polo Goberno central que permite visitar familiares e achegados.
Bares e restaurantes non pecharán, por tanto. As medidas que se anunciarán hoxe centraranse na concienciación, a ventilación, os peches nocturnos e as restricións en zonas básicas con alta incidencia.
As Baleares endurecen tamén as medidas. Para entrar nas illas hai que presentar unha PCR negativa á chegada nos aeroportos e portos.
En Mallorca, a que peor está, reunións de só seis persoas e máximo dous núcleos de convivencia. Toque de queda ás dez da noite ata o 28 de decembro sen excepcións.