CRTVG

Buscar

Non pode deixar a cadeira de rodas no portal pola oposición de dúas veciñas

Publicado o 12/06/2019 09:13

Miluca vive na rúa da Praza, na Coruña, no primeiro piso dun edificio en que o ascensor non chega ao portal. Para moverse con autonomía precisa da cadeira motorizada, pero dúas veciñas non permiten que a aparque no portal. Nesa zona común hai espazo dabondo para deixar o vehículo de Miluca, pero non lle quedou outra que buscar onde aparcalo. O sitio que conseguiu está na praza de Atocha Baixa, ben lonxe para alguén que se move con moita dificultade andando con muletas.

Á porta do local explícanos que non entende o porqué do rexeitamento das dúas veciñas e di que pedirá a mediación do Concello e da Xunta.

"E se non, iremos ao xulgado e acabouse. Agora, ao parecer, a comunidade quere acondicionar para que o ascensor chegue ao portal, porque empeza no primeiro e hai uns once chanzos para subir e iso tamén me custa moito traballo. Entón din que o ascensor vai chegar ao portal", di Emilia Bello.

Miluca ten certa esperanza en que co ascensor ata o portal poida subir na cadeira á casa e así xa queda resolto o problema.

O administrador da comunidade considera que o lóxico sería aplicar a solidariedade coa parte débil e evitar a denuncia xudicial.

Jose Iglesias,  secretario administrador da comunidade, di: "Independentemente do número de propietarios que defendan unha posición ou outra, cada un ten os seus apoios legais e, se non se poñen de acordo, acabará decidindo un xuíz".

Mentres, Miluca só poderá aparcar a súa cadeira no portal unhas cantas horas dous días á semana para recargarlle a batería.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/06/2019