CRTVG

Buscar

Cinto ou móbil, as infracións máis comúns en Galicia, penadas na nova lei de Tráfico

Publicado o 13/11/2020 16:06

Controlar a velocidade, non consumir alcol ou drogas e usar os sistemas de seguridade coma o cinto. Son as bases da seguridade viaria, e son tamén as normas que máis incumprimos.

A Xefa provincial de Tráfico da Coruña, Victoria Gómez, di que estas infracións son as que maior número de sancións acumulan en Galicia: "Primeiro, a velocidade; segundo, o consumo de alcol, e en terceiro lugar, o non uso do cinto".

O ano pasado os galegos acumulamos case oito mil multas por usar mal, ou directamente non usar, o cinto de seguridade, as retencións infantís ou o casco nas motos. O vinte por cento dos falecidos en accidente non os levaban.

As cifras son semellantes no resto do estado, e por iso a reforma da Lei de Tráfico contempla o endurecemento das sancións.

"Non facer uso destes sistemas de seguridade, ou usalos mal, vai pasar de tres a catro puntos retirados", aclara Gómez.

Con máis de sete mil multas, e sendo protagonista da maior parte dos sinistros por distraccións ao volante, está o teléfono móbil. O ano pasado causou o 25 por cento dos accidentes mortais en Galicia.

"E por iso" di a xefa de Tráfico, "vaise elevar a detracción de puntos no caso de conducir suxeitando o móbil, de tres a seis puntos".

O que xa se aprobou é a redución dos límites de velocidade en vías urbanas. Irán entre 20 e 50 quilómetros por hora dependendo do tipo de vía, pero a maioría quedarán limitadas a 30 a partir de maio.

Noticias web

13/11/2020