CRTVG

Buscar

"Temos que trasladarlles á Xunta e ao Goberno que imos loitar polo que cremos"

Publicado o 30/08/2019 12:39

No concello das Pontes celebrouse na mañá deste venres unha xuntanza para decidir o calendario das mobilizacións para protestar contra a paralización da actividade na central térmica, que xa leva case catro meses parada.

Nicasio Pena e Marcos Prieto, representantes sindicais, estiveron en directo no Bos días antes do comezo da reunión para explicar cal é a situación nestes momentos.

"Os primeiros afectados foron os camioneiros, porque son os que trasladan o carbón, e despois seguíronos os traballadores das empresas auxiliares, porque ao non funcionar a central non hai ese mantemento que ten que haber diariamente, porque está parada a central", afirmou Nicasio.

"Son catro meses parados e aínda por riba non se ve se [a central] vai arrancar ou non, polo custo do CO2, porque hai outro sistema como o gas que, non é que sexa máis económico polo material que consome, porque Endesa está castigada nos mercados pola cota de CO2, que está mercada polos bancos e fondos voitre, que o que fan é vender fume", explica.

O que destacan desde o movemento sindical é a unión que neses momentos hai en toda a comarca na loita por evitar que se chegue a un peche definitivo da cental.

"A unión é tanxible. É algo que se nota porque todos vivimos da actividade da central. Non só os empregados que trallamos directamente. Nós somos o motor do vila, desta e das limítrofes. O certo é que unha industria que xera tanto traballo é fundamental. O seu peche sería a condena da comarca", di Marcos Prieto.

"O fondo de todo isto é unha actividade especulativa. O problema que ten o mercado do CO2, que se montou só en Europa, porque a produción con carbón é moi barata, e o que se fixo foi porlle freo ao carbón. En España, de 16 centrais de carbón só quedan catro en activo, pero paradas, o resto xa anunciaron o peche para o ano que vén", explica Marcos para debuxar o negro panorama do sector.

A solución, cren, está nas mans dos políticos. Na axenda teñen encontros con Teresa Ribera, ministra para a Transición Ecolóxica, e con Miguel Arias Cañete, comisario europeo de Acción polo Clima e a Enerxía.

"Eu creo que é un tema político, e eles son os que teñen que saír deste tema e arranxar o problema. Aquí hai unidade sindical, e tamén cos empresarios, os comerciantes e os transportistas. Imos todos na mesma liña. Non imos calar. Temos que trasladarlles á Xunta e ao Goberno central que imos loitar polo que cremos", conclúe Nicasio Pena.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí