Non haberá fogueiras de san Xoán en Panxón
A noite meiga do ano, como o resto das festas, será diferente este ano. Na provincia de Pontevedra, os concellos adaptaron as súas normas á nova realidade e moitos prohibiron as grandes fogueiras comunitarias, nas que se xunta moita xente e é dificil manter as distancias, como sucede en Vigo ou Pontevedra.
En moitos municipios si se permiten as cacharelas máis pequenas de barrios e particulares, onde sexan menos participantes. É o que sucede en Nigrán. Este ano non se repetirá esta imaxe da praia de Panxón, con preto de 15.000 persoas. Aquí xa comezou unha campaña invitando a pensar no san Xoán do próximo ano. O día 23 as forzas de seguridade controlarán que ninguén acceda con material para facer fogueiras ou botellón e ás 9 desaloxarán o areal.
A de Nigrán é probablemente a celebración máis concorrida na noite de san Xoán na provincia e a que ten máis sona. Ninguén lembra un ano sen fogueiras.
Con todo, haberá celebración, pero diferente. Os municipios están a organizar máis actividades, sen aglomeración, como a recollida das herbas de San Xoán ou concertos ao aire libre.