CRTVG

Buscar

Non conduzas se levas chancletas

Publicado o 06/07/2020 21:43

Coa chegada do verán e a calor muda en moitas ocasións o xeito de conducir pero facelo con chancletas, descalzos ou sen camiseta pode ser sancionado. Malia que non existen normas específicas os axentes si poden sancionarnos se consideran que non temos liberdade de movementos e afecta a seguridade na condución.

Co verán e a calor volven as chancletas e o seu uso esténdese tamén á condución, pero cómpre prestar atención ao calzado que usamos. Malia que no regulamento xeral de circulación non hai normativas específicas o uso de chanclas pode derivar en sancións económicas se os axentes consideran que afecta a nosa liberdade de movementos e por tanto a seguridade. O mesmo acontece se conducimos descalzos.

Manuel Rodríguez Souto, mestre de autoescola: "Se me cae do pé, imaxina, que sobre o pedal hai unha area e che cae a chancleta e tes que facer unha freada de emerxencia sería complicado, e iso dificultaria a capacidade de manexar o vehículo e podería ser denunciado".

As multas andan entre os 80 e os 200 euros e semella que cada vez estamos máis concienciados do perigo.

O mesmo acontece co feito de ir sen camiseta. Non hai norma específica, pero o correcto e ir vestido por seguridade dado que ante un freada brusca o cinto pode provocar queimaduras. Cómpre ir coa vestimenta axeitada, especialmente nas motocicletas.

Manuel Rodríguez Souto, profesor de autoescola: "Vemos xente circulando en bañador, en manga curta, con cascos non integrais... É pouco entendible que non sexan conscientes de que unha caída a 30 quilómetros por hora no asfalto despeléxate literalmente"

Outros xestos como ir co cóbado fóra da xanela tamén poden ser obxecto de sanción ao considerar que entorpece a condución.

Noticias web

06/07/2020