CRTVG

Buscar

Noite sufocante en España, coas temperaturas máis baixas do país en Galicia

Publicado o 28/06/2019 09:40
Noite sufocante en España, coas temperaturas máis baixas do país en Galicia

A vaga de calor que afecta gran parte da península e as Baleares volveu deixar outra noite moi calorosa, sobre todo na metade norte do país, onde Navarra e o País Vasco volveron superar os 30 graos, segundo datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía. Pola contra, na estación meteorolóxica de Xinzo de Limia e na de Beariz, as dúas na provincia de Ourense, marcaban esta madrugada os valores máis baixos de todo o país, con 5,9 graos e 6,2 graos respectivamente.

Con datos ata as 7:00 horas, as estacións meteorolóxicas de Labastida-Áraba (País Vasco) e a de Pamplona-Aeroporto (Navarra) rexistraban unha temperatura de 32,8 graos seguidas do municipio rioxano de Haro con 32,6 graos. A pouca distancia situábanse a localidade de Areso (Navarra) con 32,2 graos e os municipios arabeses de Campezo e Leza con 31,4 e 31,3 respectivamente.

As localidades de Tudela (Navarra), Cinceiro (A Rioxa) e Alcalá de Henares (Madrid) tamén pasaron unha noite moi cálida con temperaturas de 31 graos. Hoxe a onda de calor volverá afectar con intensidade case todo o país, onde 34 provincias de trece comunidades están en alerta por temperaturas extremas, con maior incidencia en Aragón, Cataluña, A Rioxa e Navarra, onde hai alerta vermella (risco extremo) por valores iguais ou superiores a 42 graos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/06/2019