CRTVG

Buscar

O paso de Elsa deixa centos de incidencias por todo o país

Publicado o 19/12/2019 19:09

Aconteceu en Cambre, cando a auga do río da Gándara lle entrou na casa e arramplou con todo. É só unha mostra do que se viviu en boa parte de Galicia por culpa desa borrasca chamada Elsa, que causou rebordamento de ríos, anegamentos en casas e negocios, cortes de estradas, interrupcións na subministración eléctrica e no servizo telefónico. O 112 rexistrou esta noite máis dun milleiro de incidencias en toda a comunidade. 

Incidencias na provincia da Coruña

Maricarmen e Ramiro, canda os seus catro cans, tiveron que ser rescatados polos bombeiros de Arteixo. Estaban na súa casa de Pravio, no concello de Cambre, e a auga chegoulles ao pescozo.

A borrasca Elsa deixouse sentir tamén en Sada onde se desbordou o río Maior provocando importantes inundacións, moi similares ás de hai tres anos. Importantes danos materiais tamén en varias vivendas de Perbes, no concello de Miño. Alí, a forza da auga arrincou os peches de varias vivendas deixándoas completamente anegadas.

Completamente derruída. Así deixou o temporal unha casa, situada en pleno centro de Muxía. Esta localidade foi unha das máis afectadas, na Costa da Morte, polo temporal. Á media mañá parte da vila aínda tiña problemas de luz. As últimas horas foron de intenso traballo para os efectivos de Protección Civil. 

Un dos negocios máis afectados foi un restaurante situado na praia de Nemiña. Quedou totalmente anagado e con importantes estragos. Pero os efectos do temporal Elsa non só se notaron en Muxía. O aspecto que presenta o río Xallas é só un exemplo, vai completamente desbordado. E tamén houbo incidentes polo vento e a chuvia en localidades como Vimianzo ou Santa Comba, onde se rexistraron 96 litros de auga por metro cadrado. 

Temporal no Morrazo

Na praia de Portomaior en Bueu, o pequeno regato que a atravesa provocou a gran fenda que arrasou coa árbore cunha lousa e asolagou leiras. A enchente aínda invadía hoxe a estrada e varias leiras próximas. Os veciños non lembran nada igual en trinta anos.

Moi castigado tamén resultou Cangas, o mercado quedou rodeado de auga, pero ademais a placa lateral deste edificio caeu logo de estar abaneándose toda a tarde. A Policía Local tivo que cortar a arteria principal da vila para evitar accidentes.

Tamén no Morrazo tivo que ser evacuado o colexio de Sequelo por risco de asolagamento. Na capital da provincia, a auga levou por diante dúas placas da cuberta do estadio municipal de Pasarón. En Vigo tamén o estadio de Balaídos quedou cercado pola suba do Lagares.

A rúa Colón e o nó de Isaac Peral, en Vigo, tamén se encheron de auga que dificultou a circulación contra as oito da tarde. O vento e a auga volveron tombar outra árbore nas avenidas viguesas e esta mesma mañá os bombeiros tiveron que retirar este valo á altura do camposanto de Teis porque estaba a medio caer.

O río Miño vai rebordado practicamente ata a desembocadura

Crecido vai río Miño ao seu paso por Salvaterra. O paseo da Canuda foi tragado literalmente pola auga e a policía, por segundo día consecutivo, tivo que acordoar esta zona para impedir o paso de viandantes e vehículos por mor das inundacións. Había xa tempo que esta situación non se vía en Salvaterra, pero a cantidade de auga que leva caendo dende onte está a provocar moitas complicacións.

O seu caudal crece a gran velocidade e a forza da auga coa que baixa é tal que ata puidemos ver o corpo dalgún animal morto. Os equipos de emerxencia seguirán en alerta ao longo de todo o día, porque a previsión di que vai seguir chovendo nas próximas horas.

O acceso ás termas leva pechado xa varios días por estar asolagado. Por iso piden precaución aos que estes días se achegan ata aquí para fotografar esta estampa inusual do río. Tamén moi pendentes do caudal do Miño está a Comandancia de Tui e os servizos de emerxencia de Portugal. Unha situación moi complicada por mor da intensa chuvia que non dá tregua estes días.

Elsa pasou con forza pola comarca do Salnés, onde esta mañá chovía sobre mollado tras a tromba de auga que o onte pola tarde caeu ininterrompidamente provocando anegamentos en varios concellos. Un dos máis afectados foi o de Cambados. 

O vento tamén arrancou unha palmeira da praza Alfredo Brañas que tirou coa rede eléctrica deixando sen subminstración os veciños.

O vento soprou con intensidade, con refachos de ata 130 quilómetros por hora na montaña e por riba dos 80 en moitos outros puntos da provincia. Na cidade de Ourense, o departamento de Medio Ambiente contabilizou xa 37 árbores caídas, unha delas enriba dun coche e outras en xardíns, parques e vías.

Tamén caeron valados publicitarios, claraboias e tellados, coma este no patio do colexio de Seixalbo. O vento amainou xa e o que preocupa agora son os ríos. En Baños de Molgas, o Arnoia vai pola cuarta enchente da temporada.

Pero o peor está agora no Miño. Ao seu paso pola cidade, onde discorre xa por fóra do leito, e en Ribadavia, onde conflúe co Avia. O GRUMIR está rebalizando para advertir das zonas inundables.

Tamén se rexistraon ducias de incidencias causadas polo temporal Elsa nos numerosos puntos da provincia de Lugo onde as intensas chuvias provocaron o desbordamento dos ríos. Ademais de anegar prados e cultivos, as inundacións dificultaron o paso de vehículos en moitas das estradas secundarias, en especial en comarcas do interior coma a Terra Chá. 

As abundantes precipitacións non só fixeron que desbordasen os principais afluentes do Miño, coma o Ladra ou o Azúmara. Este regato subiu tanto de nivel que incluso chegou a cubrir parte dos vehículos aparcados á beira desta pista en Outeiro de Rei. 

Ao seu paso por Lugo, o Miño inundou parte do Club Fluvial ou do balneario, onde as bombas desaugan sen cesar para o río. O vento, que na Mariña superou os 130 quilómetros por hora, provocou ademais a caída de numerosas árbores. 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/12/2019