Noite de ruidos en Santiago, mais sen incidentes graves na segunda fin de semana trala fin do toque de queda
Noite desapracible e de choiva en Santiago de Compostela, en plenas festas da Ascensión e na segunda fin de semana sen peche perimetral nin toque de queda. Coa hostalería pechada a partir da unha da noite, algúns tentan seguir a festa na casa. O primeiro aviso por ruidos non tarda en chegar.
Os axentes diríxense a un edificio de varios andares. Un veciño chamou queixándose de balbordo. Tras varios intentos, ninguén abre a porta no piso de onde supostamente procede o ruido, pero os policías abren unha incidencia para aclarar posteriormente o suceso.
Preto das catro da madrugada e coa noite seguen as chamadas. Outro veciño que require a presencia policial por ruidos no edificio. Desta vez cando os axentes chegan ao inmoble, confirman a realidade da denuncia.
"Ao acceder xa vimos que dende o recibidor do edificio xa se escoitaban ruidos e berros, abríronos, e se lles informou de que tiñan que cesar os ruidos. Procedeuse á identificación do responsable da vivenda, que nos informou que había seis persoas, que todas eran residentes na mesma, e unha vez identificado, informouselle que ían ser propostos para unha sanción", confirma o axente Moar, da Policía Local de Santiago.
As medidas sanitarias vixentes en Galicia establecen que entre a unha e as seis da madrugada están prohibidas as xuntanzas entre non conviventes, ainda que non son os principais motivos de sanción.
"A xente infórmanos de que hai persoas nas terrazas sen máscara, e a partir das once da noite as chamadas limítanse a festas en pisos", asegura o axente Moar.
A Policía Local de Santiago cursou esta pasada noite oito propostas de sanción por ruidos que poden ir dos douscentos ata os 1500 euros, a máis grave. A noite, no bo e no malo, retorna cara a normalidade.