Noela Lonxe, neta de Fernández Albor, escolle Galicia para presentar a súa primeira novela
Toca case na casa e case en familia. Música da súa parella, Meric Long, da formación indie The Dodos, para presentar na cidade das súas raíces, Santiago, xunto con Moraña, o que escribiu lonxe.
Noela Lonxe, pseudónimo de Noela Fernández-Albor Batallán, regresa de lonxe, dunha década en San Francisco, California, para presentar de preto, Pan de bruja. Editada en castelán por Caligrama, é a súa estrea no xénero da novela.
"Parte a novela dunha protagonista, unha muller que se divorcia... Regresa a Galicia... O achado dun símbolo marca a historia", di Noela Fernández-Albor Batallán, escritora.
Homenaxe fantástica e misteriosa a Galicia e, sobre todo, ás galegas.
"É toda unha homenaxe ás nosas anteriores xeracións, ás mulleres galegas, a esas mulleres fortes e con toda a súa sorna... É unha homenaxe tamén ás dúas miñas avoas... E tamén ao meu avó, Xerardo Fernández Albor... El sempre me preguntaba polos meus libros e animábame a seguir escribindo. El amaba a literatura", Noela Lonxe, escritora.
"A miña primeira novela tiña que comezar aquí, en Galicia", sinala Noela Lonxe, escritora.
Con inspiración galega, Noela Lonxe prepara xa a que será a súa segunda novela e unha colección de poemas que terán moito de aquí.