No taller de ReGalicia proseguen coa axuda solidaria ante a covid-19
O taller de artesanía de Crof e de María de Jude é un dos puntos de referencia solidaria nos momentos máis duros da pandemia. Deixaron as súas creacións a un lado para centrarse na axuda solidaria ao persoal sanitario. Caixas de intubación e salvaorellas de metacrilato.
A produción destas pezas para suxeitar a máscara tivo e ten unha demanda grande. María lembra como xurdiu a idea.
María Queiruga, coñecida como María de Jude, é cofundadora de ReGalicia: "Buscaba algo para reutilizar o metacrilato que sobraba dos box de intubación. E nese momento o material estaba esgotado. Case non había metacrilato en plena pandemia, moi difícil de conseguir e moi caro... E como os nosos clientes nos doaron os cartiños para facer os boxes, dixen, hai que sacarlle algo novo e doar algo máis. Tampouco pensei que fose algo de tanta necesidade, pero foi poñer unha foto nas redes sociais e a xente a pedir con ansia, sobre todo sanitarios, xente das fábricas de conservas. Tiñan que traballar moitas horas coas máscaras e tiñan as horas desfeitas. Moi agradecidos, un equipo nós e os nosos clientes. Ánimo nas redes sociais. Non paramos nunca con isto".
Os creadores de ReGalicia son tamén os dun modelo de caixa para intubación doada a hospitais. Desde a primeira ata a última que levan feito foron mellorando a súa funcionalidade. Agora proxectan producila nun plan de economía social e andan coas xestións necesarias para a homologación.
O cofundador de ReGalicia, Carlos Miguel Rodríguez Oca, Crof, di: "Vimos que podía ser unha oportunidade para o centro co que colaboramos, Aspanaex, e impulsamos a creación dunha sala de produción de material sanitario. O modelo xa o temos; foi a última evolución. Está mellor que ningún dos que fixemos. Pensamos que é un instrumento necesario e pensamos que sería mellor producilo en Galicia e que podemos ser competitivos facéndoo aquí".
No espazo de traballo de María e Crof en Seráns, Porto do Son, un equipo láser está dispoñible para a produción de material anticontaxio da covid-19. Ese labor solidario, din eles, é posible co apoio da veciñanza e das persoas que mercan as súas creacións de artesanía ReGalicia e a produción de instrumentos tradicionais de vento por estereolitografía, outra das súas accións innovadoras.