CRTVG

Buscar

No polígono da Campiña seguen sen telefonía desde a treboada de hai unha semana

Publicado o 11/07/2019 14:32

A maior parte das empresas asentadas no polígono da Campiña, en Lugo, non dispoñen de teléfono fixo nin de internet dende hai unha semana. A treboada do pasado día 4 foi a causante da avaría, que lles está a provocar numerosos trastornos aos negocios afectados. Nuns afrontan perdas por non poder atender pedidos, mentres que noutros nin sequera poden cobrar con tarxeta.

"Nós levamos dende o venres sen servizo. O teléfono fixo téñoo desviado para o móbil, pero o problema está no datáfono, xa que non podemos cobrar con tarxeta, como tampouco se poden usar os servizos de ADSL. O que máis nos inflúe a nós é non poder cobrar con tarxeta", di Olga García, hostaleira.

"Precisamos de internet para case todo, tanto para facer pedidos aos provedores como para recibilos. Moitos clientes fan os pedidos por correo electrónico. Non temos liña de teléfono tampouco, polo que nos está afectando bastante, a verdade", conta Jesús Arias, encargado dun almacén. "Temos todas as liñas de teléfono desviadas a dous móbiles, co cal eses están saturados. E estamos sen correo electrónicos, o que nos está xerando un montón de problemas cos clientes que se queixen de que nos lles respondemos os correos. É bastante caótico estar hoxe en día sen internet e sen teléfono, xa que todo funciona por esa vía", lamenta Ana Belén Liz, empregada dun taller. 

As empresas afectadas pola avaría levan toda a semana reclamándolle solucións á compañía telefónica que lles deixou de dar servizo. Os operarios da firma estiveron a traballar para reparar o fallo, pero polo momento todo segue igual. "A partir do venres empezamos xa pola mañá a falar con R, que a compañía que temos nós, pero dependemos de Movistar e non nos dan solución ningunha de momento. Temos que ir arranxando nós polos nosos medios, comprando aparatos e poñéndoos a funcionar pola nosa conta. Eles de momento non nos deron solución ningunha", di Jesús.

"Estamos cansados de chamar a Telefónica para pedir explicacións, pero de momento non nos dan ningún tipo de solución. O único é que despois nos chaman cunha locución para pedirnos que valoremos o servizo e preguntarnos se a avaría está solucionada. Nin pasou por aquí ningún técnico nin temos ningún tipo de resposta. E o peor de todo é que non sabemos cando se vai solucionar", explica Belén.

A avaría tamén afecta os residentes na parroquia luguesa de Muxa e algunhas empresas do polígono veciño das Gándaras.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/07/2019