No é bo momento para peregrinar, os camiños están desertos e os albergues, pechados
Silencio absoluto nos camiños que levan a Santiago. O único son é o dos paxaros e as frechas amarelas xa non guían a ninguén. Coas medidas que supón o estado de alarma, as rutas quedaron totalmente desertas e lonxe quedan xa imaxes coma estas de hai apenas un mes. Agora, no mesmo sitio, a imaxe é esta outra. Dende a Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santigo crearon a campaña 'Peregrinos, non é o momento', na que informa da obrigatoriedade de aprazar as rutas pero onde os invitan a volver cando se poida.
Os albergues públicos pecharon e os privados víronse obrigados a facer o mesmo. A situación sería máis complicada que nun hotel porque os usuarios compartirían habitación, duchas e outras zonas comúns. As reservas fóronse anulando e os peregrinos que estaban en tránsito regresaron aos seus lugares de orixe. A problemática do coronavirus coincidiu coas datas nas que comezaría a aumentar o número de peregrinos despois da baixada do inverno.
Mentres tanto, a meta de todos os peregrinos continúa baleira e pechada.