CRTVG

Buscar

No conxunto de España hai preto dun cento de rebrotes

Publicado o 12/07/2020 12:18

LLeida ten unha vintena de brotes activos. A comarca de El Segrià, a máis afectada, cumpre unha semana de confinamento perimetral, pero de momento os contaxios seguen a máis e prevese que continúen crecendo nos próximos días. As autoridades habilitaron un aloxamento para os traballadores (agrarios) temporais e acordaron illar as residencias de anciáns de toda a provincia, por ser o colectivo máis vulnerable.

Os de Lleida non son os únicos brotes importantes en Cataluña, que sumou nas últimas horas nove mortos por coronavirus. En L'Hospitalet, na provincia de Barcelona, por exemplo, a semana pasada había trinta positivos e hoxe son máis de cen, en principio orixinados en núcleos familiares pero que tamén afectan a unha residencia de anciáns.

As reunións sociais están detrás de varios focos, como o de Tudela, en Navarra, vencellado á celebración dunha voda, que contabiliza polo de agora 34 contaxiados e mantén en corentena un cento de persoas máis.

En Andalucía, un velorio que tivo lugar na provincia de Granada suma ata o de agora corenta infectados.

E o brote de Ordizia, en Guipúscoa, relacionado co ocio nocturno, chegou aos 70.

Mentres, no porto de de Santoña, en Cantabria, xa son dous os mariñeiros procedentes de Burela que dan positivo. As autoridades téñenos illados canda outros oito tripulantes tamén de embarcacións galegas cos que estiveran en contacto.

Noticias web

12/07/2020