CRTVG

Buscar

No CHUO hai tres andares dedicados a doentes de coronavirus

Publicado o 08/04/2020 15:35

Dúas plantas completas do Hospital Universitario de Ourense acollen 145 pacientes con coronavirus. E, na outra, na que permanecen os casos sospeitosos pero aínda sen confirmar, hai 29 persoas máis.

Aquí, segundo asegura o xefe se servizo de Medicina Interna, están preparados por se aumentan os ingresos.

Manuel Fernández Muinelo, xefe de servizo de Medicina Interna do CHUO: "Temos plantas baleiras listas para ingresar os pacientes que o precisen. En Recursos Humanos estamos intentando rotar o persoal para minimizar os riscos de contaxio".

Salienta a implicación de todos os traballadores do centro para facerlle fronte á situación.

Manuel Fernández Muinelo, xefe de servizo de Medicina Interna do CHUO: "Eu vexo a xente motivadísima. Enfermería, auxiliares, técnicos, administrativos, médicos, todo o persoal de limpeza. Todo o mundo está moi animado, desde o punto de vista profesional".

Desde o punto de vista humano, é especialmente duro polas condicións en que teñen que permanecer os pacientes.

Manuel Fernández Muinelo, xefe de servizo de Medicina Interna do CHUO: "Xente que está soíña no cuarto, que esta illada, cos seus familiares illados no domicilio, que non poden vir, que temos que informar telefonicamente... Iso dá unha carga emocional para os pacientes, as familias e tamén para nós".

Canto ao abastecemento, din que, polo momento, dispoñen das medicinas e dos equipos de protección que precisan e que están a usar, segundo insisten, de xeito responsable.

Noticias web

08/04/2020