CRTVG

Buscar

No Centro de Investigación Forestal de Lourizán traballan coa madeira das cerdeiras

Publicado o 28/11/2018 12:50

Estas cerdeiras plantáronse hai vinte anos no Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Foron o froito dun traballo que comezou en 1996 para recoller, conservar e seleccionar as cerdeiras galegas que mellores calidades presentaban para a produción de madeira. O cultivo tradicional estaba ligado ao aproveitamento do froito e sobreviviu, sobre todo, no interior de Galicia.

Fixeron tres prospeccións por toda Galicia e recolleron material dunhas duascentas árbores, que se conservan no banco de xermoplasma do centro. Plantáronse aquí para telas nas mesmas condicións de clima e de solo, e poder estudar distintas características de produción.

Así seleccionaron os dous primeiros clons que rexistraron en 2011 e 2012. Destacaban polo seu crecemento anual, de máis dun metro ao ano, e pola rectitude do fuste. Esta primavera rexistraron outros tres que mesmo os superan, e xa están en disposición de transferilos aos viveiros para que os reproduzan.

Organizaron unha xornada técnica para divulgar todas as características do novo material que se vai poñer a disposición do sector. Traballando con estes cinco clons os produtores forestais terán máis garantías de como se vai comportar o cultivo, e esperan que se consolide como unha alternativa interesante.

Unha das bases, o material vexetal, está sentada. Agora falta escoller ben os terreos en que asentalo, porque quere calidade do solo, e programar ben os traballos de formación e mantemento para sacar unha madeira da máxima calidade. Ao tempo, habería que ir promovendo un mercado que a valore, para consolidar a recuperación da cerdeira do país.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/11/2018