CRTVG

Buscar

A neve causa problemas en estradas de Lugo e Ourense e deixa nenos sen escola

Publicado o 14/11/2019 13:28

A neve, que xa fixo acto de presenza, nalgúns momentos de forma copiosa, na montaña de Lugo obrigou a primeira hora deste xoves os axentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil a "embolsar" camións na autovía do Noroeste (A-6), na zona de Gomeán, así como a restrinxir o paso de vehículos articulados pola zona de Pedrafita do Cebreiro.

De feito, segundo informa a Dirección Xeral de Tráfico (DXT), a circulación estivo condicionada e restrinxida ao paso de vehículos pesados desde as 7:38 horas entre os quilómetros 430 e 438, ou o que é o mesmo, entre Pedrafita do Cebreiro e Doncos.

Así mesmo, quedou prohibida a circulación de vehículos articulados e camións na estrada autonómica LU-633, entre o quilómetro 0, en Pedrafita do Cebreiro, e o punto quilométrico 19, situado xa no municipio veciño de Triacastela.

Tamén se recomendaba precaución aos condutores para circular polo Alto do Faro, no municipio de Chantada, e pola zona de Oural, en Sarria, onde tamén nevou durante a noite e á primeira hora da mañá.

No alto do Fiouco, entre Mondoñedo e Abadín, tamén se recomendaba circular con precaución por mor da reducida visibilidade e os fortes refachos de vento.

Ante este fenómeno meteorolóxico adverso, con posibilidade de acumulacións de neve de ata 20 centímetros na Montaña de Lugo, a Consellería de Educación tomou a decisión de suspender as clases en toda a zona afectada.

Ademais, a Deputación Provincial de Lugo informou de que o dispositivo de vialidad invernal está a traballar a pleno rendemento desde a pasada medianoite para tratar de despexar máis de corenta estradas da rede viaria provincial, que pertencen a un total de doce municipios lucenses e que se viron afectadas pola neve caída nas últimas horas.

As estradas afectadas pola neve están nos municipios de Baleira, Folgoso do Courel, Cervantes, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Ribeira de Piquín, Samos e Triacastela.

Á parte dos problemas que está a provocar a neve en puntos altos da provincia, efectivos da Deputación están a traballar en Viveiro, na estrada provincial LU-P-6604, na parroquia de  Magazos, porque as copiosas precipitacións provocaron desprendementos de terra en dous puntos, que impiden o tránsito normal de vehículos.

O presidente da Deputación, José Tomé, que dirixe a área de Xestión Territorial, informa de que “se está traballando coa maior celeridade posible para atallar os problemas que este temporal está a deixar nas estradas da provincia”. “A maior dificultade está agora mesmo nas estradas de Cervantes,  onde as capas de neve xa superan os 15 centímetros, e tamén en Pedrafita do Cebreiro, onde xa chegan a 10 centímetros”.

A neve chegou tamén ás zonas máis altas da provincia de Ourense, en aviso amarelo por acumulacións de ata 10 centímetros. Desde primeira hora as folerpas comezaron a caer con intensidade por riba dos 800 metros. Por agora as principais vías da rede viaria están limpas, tan só hai dificultades na comarca de Valdeorras, no acceso á estación de montaña de Manzaneda e na OU-122 en Sobradelo, onde está restrinxido o paso aos camións. Tamén na autovía A-52, cara a Madrid, os articulados e camións non poden pasar de A Gudiña.

As folerpas tamén tinguiron de branco as localidades do Macizo Central, e sorprendeu o gando no monte, unha preocupación para os gandeiros porque a neve deixa as vacas sen pasto. Porén, en Montederramo a primeira nevarada da temporada é benvida polos veciños.

Moita precaución nas estradas nunha xornada como a de hoxe por mor da neve, a chuvia e o xeo que se poida formar. A Garda Civil de Tráfico recomenda revisar os pneumáticos e sobre todo moderar a velocidade mantendo a distancia de seguridade.

 Máis de oitocentos nenos de Lugo quedaron sen clase por mor da neve

Un total de 841 nenos da provincia de Lugo non puideron acudir este xoves ás súas clases como consecuencia do temporal que levou a neve ás zonas da montaña e a municipios do centro e do sur da provincia.

De feito, ante a previsión de nevadas que poden deixar acumulacións de ata 20 centímetros na Montaña, a Consellería de Educación suspendeu as clases nos 15 centros educativos da comarca, unha suspensión que afecta un total de 789 alumnos.

Ademais, tamén se rexistraron esta mañá incidencias en varios roteiros do transporte escolar en municipios próximos a Lugo capital, como Sarria, Láncara ou Castroverde, onde ao redor de corenta nenos non puideron acudir tampouco ás súas clases.

A actividade lectiva quedou totalmente suspendida en Baleira, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Baralla, As Nogais, Samos, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Triacastela e Negueira de Muñiz.

Ao longo desta mañá está previsto que se reúna a comisión escolar de alertas, en que participa a Consellería de Educación, a Axencia Galega de Emerxencias e Meteogalicia, para decidir se se mantén ou se prorroga esta suspensión. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/11/2019