CRTVG

Buscar

Bos días

No Carballiño, melloran marca pero non logran superar o reto de picar a maior tapa de polbo do mundo en menos de 10 minutos

Publicado o 08/08/2018 09:51

Por 8 segundos, os polbeiros do Carballiño non lograron preparar a tapa de polbo máis grande do mundo en menos de 10 minutos. O que si lograron foi que se acabaran as 1.200 racións que deron preparado nese tempo.

O polbo cocía na praza do concello do Carballiño na media tarde de onte. Nada menos que 450 quilos. Din os quen sabe disto que para preparalo con xeito non hai máis segredo ca os anos de experiencia.

Tiñan un reto: ser quen de picar 1.200 racións e só dez minutos.

Ás sete e media da tarde trinta polbeiros e polbeiras puxeron en marcha o cronómetro, dez minutos por diante para bater en cincuenta segundos o seu propio récord e ser quen de encher este enorme prato de case cinco metros e medio de diámetro.

E foi por apenas oito segundos que non o conseguiron, pero hai que ter en conta que este ano picaban 50 quilos máis de polbo ca o ano pasado. Así que, en realidade pode considerarse un éxito.

Preto de trinta polbeiras e polbeiros participaron este ano na proba. Nas súas mans segue o record da tapa de polbo máis grande do mundo. Un orgullo para todos e unha sesión de quecemento para o seu día grande: a Festa do Polbo, que se celebra esta fin de semana no Carballiño.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Bos días

08/08/2018