CRTVG

Buscar

No barrio compostelán de Guadalupe sofren cortes de auga polo mal estado da tubaxe

Publicado o 19/05/2021 14:24

No barrio de Guadadupe, en Santiago, había tarefa esta mañá para repoñer o pavimento levantado no último rebentón da rede de abastecemento de auga. Veciñas desta zona próxima a San Caetano xuntáronse para denunciar públicamente o que consideran abandono por parte do concello.

Uxía Fernández Calvo, veciña do barrio de Guadalupe: "É vergoñento. Estamos na capital de Galicia a cen metros da Xunta e periodicamente estamos a ter cortes de auga que duran doce e catorce horas. O penúltimo foi desde as dez da noite ás doce do mediodía seguinte. E isto repetirase, porque son tubaxes que están obsoletas"

Desde a asociación de veciños aseguran que a rede de auga instalada hai corenta anos precisa renovación total. Todos sabemos o que supón quedar sen auga na casa ou en centros públicos e os prexuízos que pode ocasionar en equipos e instalacións cando volve atoldada e a plena presión.

Isolina Barreiro Pérez, presidenta da asociación de veciños A Ponderosa do barrio de Guadalupe: "Erguéronse e xa pola mañá non había auga ningunha hai oito días. Hai dezaseis semanas houbo outro rebentón doutras doce horas. No que vai deste 2021 é o quinto rebentón das tubaxes aquí no barrio".

Nas rúas de Guadalupe son visiblles as pegadas de distintos rebentóns. Na asociación A Ponderosa din que, polo de agora, o Goberno compostelán non atende as súas demandas ante avarías tan frecuentes.

Esperanza Rodríguez López, tesoureira da asociación de veciños A Ponderosa do barrio de Guadalupe di que o teñen falado no concello "e nada. Non hai respostas. Que non hai diñeiro e nada máis. Pero o que nos está pasando non é normal. Estamos a quedar moitas veces sen auga. Constantemente, hoxe arranxan aí, dentro duns días uns metros máis adiante a así estamos".

Os residentes no barrio de Guadalupe lembran que o servizo de auga é básicoe insosten en que a renovación da rede de tubaxe non admite máis demora.

Noticias web

19/05/2021