CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía FDS

No ano 2030, a depresión será a primeira causa de discapacidade en todo o mundo

Publicado o 14/03/2015 14:48
Na Coruña, a cura da depresión está cada vez máis preto. Despois de 18 anos investigando sobre estimulación cerebral, o investigador Javier Cudeiro está comezando a aplicar unha técnica que lles cambiará a vida aos pacientes con depresión severa.


Esta semana a Organización Mundial da Saúde sacou á luz un dato verdadeiramente preocupante: no ano 2030, a depresión será a primeira causa de discapacidade en todo o mundo. Afortunadamente, parece que a nosa sorte está a cambiar, e é que unha nova terapia está colleitando resultados moi positivos neste tipo de pacientes.

Na depresión maior, parte das neuronas do cerebro son hipoactivas, ou o que é o mesmo, están apagadas. Por iso esta técnica céntrase fundamentalmente en recuperar a actividade neuronal.

"Este campo magnético que creamos con estas bobinas que teñen aquí, entran perpendiculares ao cerebro, entón pode afectar ás nosas células nerviosas, que están aí. Cando impacta sobre elas, crea á súa vez outro campo eléctrico e este é en realidade o que fai a actividade, porque as nosas neuronas funcionan con campos eléctricos, entón inferiremos na súa actividade", explicaba o director do departamento de Neurociencia e Control Motor da Universidade da Coruña, Javier Cudeiro.

Con este procedemento o paciente non só non sofre, senón que tampouco padece efectos secundarios.
"É unha estimulación non invasiva, isto significa que non temos que durmir o paciente, non temos que entrar no seu cerebro con cirurxía, como pasa con outras técnicas que son tamén moi útiles pero teñen estas características", dicía o director do departamento de Neurociencia e Control Motor da Universidade da Coruña, Javier Cudeiro

Da teoría á práctica, ese foi o camiño que seguiu Javier Cudeiro, algo que tal vez poida facer mudar as cifras nos próximos anos.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí