CRTVG

Buscar

No 2020 aumentaron un 12 % as chamadas ao 112 por incidencias no fogar

Publicado o 11/02/2021 15:16

O número único de emerxencias común a toda a Unión Europea, o 112, está a piques de facer 30 anos. Neste tempo, o recurso foise facendo cada vez máis coñecido e mellor valorado pola cidadanía.

Antes do 2020 na central operativa de Galicia recibían un millón de chamadas ao ano, sobre todo nas épocas de vacacións, cando a poboación da comunidade aumentaba considerablemente. No ano da pandemia o número de chamadas mantívose, pero as épocas e os motivos mudaron.

"Os primeiros meses do confinamento foi un impacto moi grande de chamadas relacionadas sobre que facer nese momento", di Marcos Arauxo Pereira, Xerente da Axencia Galega de Emerxencias. 

O colapso foi tal que tiveron que ampliar o servizo con 50 operadores máis en coordinación co 061. Logo habilitouse un número de consulta especifico para a covid e o 112 foi recuperando os seus cometidos pero tampouco foron exactamente os habituais, porque as incidencias no fogar aumentaron un 12 %.

Coma cada 11 de febreiro, Día Europeo do 112, os responsables do servizo lémbrannos que "o 112 somos todos". Trátase de que fagamos un uso responsable del porque iso axuda a optimizar os recursos e reduce o tempo de resposta para atender calquera emerxencia.

Noticias web

11/02/2021