CRTVG

Buscar

Bos días

Nisman non se disparou coa pistola que apareceu no lugar do suceso

Publicado o 09/09/2015 09:27

Novidades no caso do fiscal arxentino Alberto Nisman, falecido no mes de xaneiro en estrañas circunstancias. As últimas análises realizadas á pistola que acabou coa vida do fiscal non fan máis que aumentar as dúbidas sobre a hipótese do suicidio.

O caso Nisman ten unha nova peza para o quebracabezas.

Un informe do Centro de Investigacións da localidade arxentina de Salta apunta que Nisman non disparou a pistola que lle causou a morte ou que, despois do suceso, alguén limpou a escena.

A fiscala encargada da investigación, Viviana Fein, mantén a súa postura prudente dos últimos meses e sinalou que esta proba non é definitoria.

Viviana Fein, fiscala do caso Nisman: "Porque a Fiscalía hoxe non ten claro, polos peritos oficiais na causa e polas demais probas que hai na causa, que poidamos falar hoxe dun homicidio".

Pola contra, a ex-muller de Nisman, Sandra Arroyo, que sempre defendeu que o fiscal fora asasinado, asegura que a proba si é concluínte.

Sandra Arroyo, ex-muller de Nisman: "Loxicamente que o suicidio que se pretende comprobar non poderá ser acreditado pola simple razón de que Alberto Nisman non se suicidou, senón que a Alberto Nisman matárono".

Outra análise realizada no teléfono móbil e no ordenador de Nisman sinala que foron manipulados por un experto.

Os resultados das últimas pericias realizadas sobre o caso Nisman avivaron as diferenzas entre a fiscala e a súa ex-muller, xa que oito meses despois da súa morte segue sen esclarecerse se foi un suicidio ou un asasinato.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Bos días

09/09/2015