CRTVG

Buscar

Ningunha aeroliña opera coa Palma debido á cinza do volcán

Publicado o 17/10/2021 20:54

As aeroliñas cancelaron a maioría dos voos á Palma pola nube de cinza que chega do volcán. O aeroporto está operativo pero esta fin de semana suspendéronse 56 voos. Binter, a compañía que máis voos tiña programados, cancelou todas as operacións.

Saír ou entrar na illa da Palma en avión segue sendo unha aventura. A cinza que xera o volcán de Cumbre Vieja complica os desprazamentos. Os indicadores continúan en vermello e cunha valoración desfavorable da calidade do aire.

O sábado había 34 operacións programadas co aeroporto da Palma, que en teoría segue operativo, pero canceláronse todas. Este domingo anuláronse 22 das 38 previstas. Aena asegura que a maioría era voos interinsulares. Tamén se suspenderon dous con Bilbao, outros con Zürich e con Madrid.

A contaminación do aire obrigou a pechar tamén o aeroporto norte de Tenerife. Só está operativo o do sur da illa. Os viaxeiros optan polos barcos pero os ferris que unen A Palma co resto das illas canarias teñen cada vez máis pasaxeiros.

AENA pídelles aos viaxeiros que consulten coa súa aeroliña para saber se van poder voar.


 

Noticias web

17/10/2021