CRTVG

Buscar

Primeiro día sen falecidos por coronavirus nos hospitais galegos desde o 17 de marzo

Publicado o 29/04/2020 21:16

• A cifra total de vítima mantense nas 547 contabilizadas ás 21:30 horas do martes

• Dende que Galicia rexistrou os primeiros falecementos o 14 de marzo, só houbo outras dúas xornadas sen falecidos: o 15 e o 17 dese mesmo mes

Segundo os últimos datos oficiais do Sergas, Galicia non rexistra ningunha morte nos hospitais durante a xornada de hoxe. Sería a primeira vez que se produce esta situación dende o 17 de marzo. Galicia rexistraba o seu primeiro falecido o 14 de marzo.

A cifra oficial de falecidos mantense nos 547 rexistrados ás 21:30 horas do martes. O mesmo ocorre coas vítimas mortais en residencias de maiores, das que se informa unha vez ao día. Na comunicación deste mércores non se informou de novos falecementos. Sería, pois, o primeiro día en que os hospitais galegos non comunican novos mortos desde que se iniciara a emerxencia sanitaria pola pandemia de coronavirus. 

A primeira vítima mortal deste virus rexistrouse en Galicia o pasado 14 de marzo, cando faleceu unha muller de 92 anos que estaba ingresada no Hospital Povisa de Vigo. Nesa mesma xornada producíase tamén a morte dun home de 81 anos ingresado en Pontevedra. Neses días, os primeiros da alerta sanitaria en Galicia, a comunidade autónoma contaba menos de 300 casos activos. Despois viñeron dúas xornadas en que non se rexistrou ningunha morte hospitalaria, o 15 de marzo e o 17 de marzo.

A partir do 18 de marzo, cando as vítimas mortais en Galicia eran xa catro, os hospitais da comunidade autónoma comunicaron falecementos todos os días. Este martes, en concreto, foron sete en hospitais e dous mortos con COVID-19 en residencias de anciáns. Por iso, segundo os últimos datos oficiais, son 419 as persoas diagnosticadas con COVID-19 que morreron en atención hospitalaria en Galicia.

En concreto, son 114 na área sanitaria da Coruña, 87 na área de Vigo, 84 na de Ourense, 70 na de Santiago, 24 na área de Ferrol, 25 na de Lugo e 15 na área sanitaria de Pontevedra. A estes hai que sumar outros 128 falecidos en residencias de anciáns durante este período, co que a cifra alcanza os 547.

• Galicia engade as altas domiciliarias á cifra de curados e reduce a 3.526 os casos activos

Por outra banda, a Xunta facilita desde hoxe ao Ministerio de Sanidade os datos acumulados de casos rexistrados en Galicia desde o principio da pandemia. Neles, consta que 2.736 persoas precisaron ata o de agora ser hospitalizadas nalgún dos centros sanitarios galegos e outras 308 pasaron pola UCI.

A distribución por áreas sanitarias, que tampouco se pode comparar coa facilitada onte, é a seguinte:

• A Coruña: 888 casos.

• Vigo: 808 casos.

• Ourense: 715 casos.

• Santiago: 505 casos.

• Lugo: 244 casos.

• Pontevedra: 215 casos.

• Ferrol: 159 casos.

Do total de pacientes positivos, 73 permanecen en UCI, a mesma cifra ca onte; 482 están en unidades de hospitalización, 13 menos, e 2.971 no domicilio. Neste último dato é onde se produce a redución drástica de pacientes, que pasan a engrosar o dato de curados: 5.393 persoas.