CRTVG

Buscar

Ninguén se fai responsable na seguridade da curva de Angrois

Publicado o 12/09/2018 22:00

O caso Alvia encara a súa recta final sen que ninguén asuma de momento os riscos da curva de Angrois. O xerente de seguridade do ADIF, investigado na causa, declarou hoxe ante o xuíz que non tivo competencia no deseño da liña, e que non lle chegou ningún aviso por parte dos maquinistas do perigo potencial da curva da Grandeira. Un técnico da empresa de seguridade que tamén declarou como testemuña asegurou que ninguén lle encargou analizar a perigosidade da curva.

O xuíz citou o xerente da área de seguridade na circulación do noroeste para esclarecer os posibles defectos e riscos da curva de Angrois. Fernando Rebón é o segundo cargo do Adif investigado por posible responsabilidade penal polo accidente. Diante do xuíz, eludiu responsabilidades e alegou que non participou no deseño da liña.

O outro citado en calidade de testemuña foi un dos técnicos da unión temporal de empresas que instalou os sistemas de seguridade na liña Ourense-Santiago. Asegurou que non se lles encargou analizar a seguridade da curva de Angrois. A instrución do caso Alvia entra na recta final, e as declaracións continuarán nos próximos días. 

Mentres, no Congreso dos Deputados continúa a comisión de investigación sobre o accidente de Angrois, e esta tarde compareceu unha experta no sistema de seguridade ERTMS. Beatriz Sierra confirmou que antes da posta en marcha da liña fixéronse probas de funcionamento do ERTMS, con resultados positivos, e asegurou que descoñece os motivos polos que posteriormente se desconectou ese sistema. A enxeñeira non quixo valorar se iso minguou a seguridade na curva da Grandeira ou foi determinante no sinistro, pero si que confirmou que co ERTMS activo a velocidade do tren nunca se excedería. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/09/2018