CRTVG

Buscar

Nin ponte nin vacacións: moitos son os que manteñen agosto en marcha

Publicado o 17/08/2019 09:00

Con mal tempo ou con bo tempo, sexa festivo ou non, sexa mes de vacacións ou non, hai quen non deixa de traballar. Mentres a maioría ten descanso estes días, moitos pasan esta ponte de agosto asumindo que lles toca choiar.

Entre tanto corpo que descansa aparecen mans que non deixan de moverse, ben sexa sobre o verde ou ben sexa sobre o gris. Unha varredora resígnase cun sorriso: "Mentres os demais gozan, eu limpando o que van tirando".

E é que os demais son moitos e con moito tempo libre para querer levar empanadas de excursión. "As once da mañá e xa acabei as empanadas", láiase unha panadeira. Pero toca poñer un sorriso aínda que non toquen vacacións. "A vida do autónomo é moi triste".

Canto máis descanso hai fóra da barra da cafetería, máis movemento hai dentro dela. A camareira non para: "Entre os peregrinos e que hai festa a ámbolos dous lados da estrada, pois nótase ben". E a un lado da barra, movemento; no outro, contemplación. "E mirar como traballan", di un cliente.

Mirar como traballan. Mirar como manteñen agosto en marcha. "Alguén terá que facelo. E tocounos, e bueno...", resígnase un peón.

Froita. Froita fresca de agosto. Din que aquí non poden pechar: "Isto é un producto perecedero e hai que vender a diario. Se pechas a porta isto tírase."

E se buscamos leira atopamos que aquí non se descansa. "Si, si, si. Vou descansar agora", promete o home do tractor. Pero non vemos descanso ningún. "Na aldea hai que traballar. Aquí non hai vacacións", explica o veciño que arranxa o seu vello coche. "Isto non é traballar, isto é enredar."

E, se o enredo non vai ben, hai guindastres de verán operativos. O condutor teno claro: "As cousas non se poden escoller, o que vén ten que vir, hai que facelo". 

E alguén terá que facelo.

Noticias web

17/08/2019