CRTVG

Buscar

Nin coche nin moto de auga: na comarca da Arousa os servizos de alugueiro están case completos

Publicado o 20/08/2021 14:30

Na comarca da Arousa os servizos de alugueiro están case completos en todos os sectores. Aquí non lles queda nin un coche para alugar en todo agosto e cada día que pasa faise complicando atopar algo para setembro. Este mes ten un perfil claro, emigrantes que marcharan a países europeos que volven a terriña e turismo nacional. 

"A verdade é que foi unha expansión descomunal. De momento todo agosto e ata setembro ata o 18 está todo ocupado", recoñece Luís Portas, xerente de EMICAR.

Outro sector que está co cartel de todo cheo é o das autocaravanas. Nesta empresa de Vilagarcía non teñen dispoñibilidade ata o 20 de setembro e non paran de chamar: "A xente foi gardando vacacións por non poder saír e os alugueiros en vez de sete ou dez días, que era o que se adoitaba facer agora están alugando  15, 20 días, incluso un mes", asegura Portas.

E se o alugueiro temán está difícil tamén o está no mar. As motos de auga son outra das demandas que aumentaron. Hai programadas excursións a diario todo o que resta de mes e para os particulares quedan poucos ocos libres.

"Hai días que ao mellor non tes nada e tes que reservar para dentro dunha semana, esta semana xa está toda completa ata a semana que ven, pero hai xente que chama anula unha reserva e podes chamar a xente que está esperando", explica Pablo Trenco, monitor de Vilajet. 

Mesmo para os que prefiren ir máis amodiño padexado ata o illote de Areoso alugar unha piragua ou unha táboa non o teñen fácil, por ser unha das actividades máis desexadas da contorna.

"Está sendo un mes bo porque o mes anterior non permitiu facer actividades ao aire libre, iso fixo que a xente agardase ao bo tempo de agosto e agora vén todo xunto", confirma Marta Iglesias, xerente de Piragüilla.

Un mes que está dando bos resultados, despois dun mes de xullo nefasto pola presenza de choiva e mal tempo case continuado. Agora na comarca da Arousa esperan poder prolongar o mes de agosto máis aló do 31.

Noticias web

20/08/2021