CRTVG

Buscar

Nigrán estrea en Galicia as mochilas vibratorias para persoas con xordeira

Publicado o 12/08/2019 11:28

Nigrán é o primeiro municipio galego e o segundo de toda España que estrea nun concerto as mochilas vibratorias para persoas xordas. Permítelles sentir a música sen necesidade de estar preto dun altofalante e gozar con autonomía dos espectáculos en vivo. As solicitudes sobrepasaron todas as previsións.

Por primeira vez, sente cantar en directo a súa irmá que forma parte do elenco de Roi Casal. Outras dezaseis persoas xordas viven con intensidade este concerto que se celebra na carballeira de Chandebrito. As mochilas vibratorias, facilitadas polo concello de Nigrán, permítelles gozar da música con total autonomía.

Veu probar a experiencia xente de Valencia e Cataluña que veranea en Galicia. Tamén de Santiago, Vigo e outras vilas da comarca. As solicitudes superaron todas as previsións.

Miriam e Rosa preparan as mochilas que transforman o son en vibracións antes do espectáculo. Tamén ensaian con Roi Casal algunhas pezas para interpretalas en lingua de signos. Será a primeira vez que se utilice de balde esta tecnoloxía nun concerto en Galicia.

Inclusión é o obxectivo do programa municipal "Un Nigrán para todos" que investiu nesta tecnoloxía. Tras o éxito da estrea, xa estuda facerse con máis mochilas para seguir derrubando barreiras.

Noticias web

12/08/2019