CRTVG

Buscar

Íñigo Errejón non acudirá ao Consello Cidadán de Podemos

Publicado o 30/01/2019 15:20

Non se sabe se Pablo Iglesias interromperá a súa baixa de paternidade para acudir ao Consello Cidadán Estatal de Podemos. Quen non acudirá, finalmente, é Íñigo Errejón, atendendo así a chamada dos seus ex-compañeiros que lle pedían respecto para debateren.

A voceira de Unidos Podemos no Congreso, Irene Montero, apuntaba esta semana que "Íñigo debe ser consecuente. Marchou de Podemos, fundou outro partido e debe deixarnos debater".

Este debate abríase por sorpresa hai dúas semanas. Errejón anunciaba que deixaba de ser o cabeza de lista de Unidos Podemos á comunidade de Madrid para presentarse coas siglas de Manuela Carmena.

Primeira reacción de Podemos: competir contra Errejón sen moita posibilidade de entenderse.

"Ten pouca vontade de negociar e o que fixo, máis ben, é unha ruptura de pontes para a negociación", declaraba aos medios a voceira do partido Noelia Vera.

Pero a crise agravouse coa dimisión do secretario xeral de Madrid, Ramón Espinar, e o chamamento de dez líderes rexionais que piden unión. O partido, entón, matiza a súa postura.

"Por suposto, imos explorar a posibilidade de chegar a un acordo co partido de Íñigo Errejón", dicía esta mesma semana Irene Montero, voceira de Unidos Podemos no Congreso.

Unha posibilidade que xa negocia pola súa conta a agrupación madrileña de Izquierda Unida. Tras a xuntanza de hoxe, Podemos terá que volver marcar o seu rumbo e tratar de pechar a súa peor crise.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/01/2019