CRTVG

Buscar

Nieves Cabo, a primeira persoa de Galicia que recibe as dúas doses da vacina contra a covid

Publicado o 17/01/2021 13:42

Ás oito da mañá Nieves Cabo Vidal, de 82 anos, moi amañada, enxoiada e coa manga refucida, agardaba expectante a segunda dose da vacina de Pfizer, que a inmunizará contra a covid−19.
Mentres o equipo de enfermermería do Servizo Galego de Saúde preparaba o antíxeno, Nieves apuntaba algúns datos da súa escueta ficha médica: "Non tomo nada, só a pastilla para o colesterol e o protector, nada máis".

"Moi ben, ímoslle poñer a vacina, vale".

O 27 de decembro a casualidade quixo que esta usuaria da residencia de Porta do Camiño, en Santiago, fora a primeira persoa en recibir a primeira dose desta vacina contra a covid−19. Tres semanas despois e con moita menos expectación por culpa do endurecemento das restricións, Nieves completou o ciclo co mesmo bo humor. "Xa? Non a sentin sequera, oxalá que sexa boa".

Nieves, natural de Luaña, no concello de Brión, que, segundo di, ingresou nesta residencia para non darlle traballo á famIlia, asegura que nestas tres semanas que pasaron entre dose e dose non tivo problema ningún e volveu animar a todo o mundo a vacinarse.

Nieves Cabo, residente do centro de Porta do Camiño: "Que non deixen de vacinarse, que é unha cousa marabillosa, que xa había vir antes e non agora".

Vanesa Castro, directora da residencia de maiores Porta do Camiño: "A xente está gozando do momento e esperando que sexa para ben e que nos inmunice a todos para poder empezar a facer unha vida normal".

Despois de Nieves recibiron a vacina todos os residentes e traballadores deste centro. Nesta historia de pioneiras, a primeira sanitaria en recibir a vacina foi precisamente a mesma que picou a Nieves. A campaña continúa, e Sanidade confía en que a finais de xaneiro todos os traballadors e usuarios de residencias estean inmunizados.

Noticias web

17/01/2021