CRTVG

Buscar

Ángel Mato, novo alcalde de Ferrol, co apoio de Ferrol en Común e BNG

Publicado o 15/06/2019 14:56

Pasaba uns minutos do mediodía cando comezou en Ferrol o pleno de constitución. Por orde alfabética os edís foron xurando ou prometendo o seu cargo, incluído o alcalde saínte, Jorge Suárez e o seu antecesor, José Manuel Rey Varela.
Constituída a corporación, o cabeza de lista do PSdeG, Ángel Mato saíu elixido alcalde cos 13 votos necesarios, co apoio de Ferrol en Común e do BNG.

"Co compromiso de levar adiante políticas que melloren a vida da xente, nese aspecto sempre vai ter o actual alcalde o noso apoio, voto e respaldo." Dixo Jorge Suárez, de Ferrol en Común.
"Señor alcalde ten vostede toda a lexitimidade do mundo para decidir que camiño escolle, fágao con claridade." Advertiulle Iván Rivas, do BNG

Xosé Manuel Rey Varela tivo os 12 votos do seu grupo. Recordoulle ao novo alcalde que o PP foi a forza máis votada en Ferrol pero que tralo acordo de goberno agora fará unha oposición fiscalizadora.
 "Pídolle señor Mato o que todos os ferroláns nos piden, que goberne para todos: estabilidade para os próximos catro anos, un proxecto de cidade que estamos dispostos a enriquecer xunto aos 13 concelleiros que hoxe o elixiron alcalde."

O novo alcalde, Ángel Mato, comprometíase a traballar desde o primeiro día e a chegar a acordos canto antes cos grupos que o apoiaron. "As forzas políticas e a distribución de concelleiros é a que é, e ao que vai obrigar é a falar, a dialogar e achegar a acordos cos demais. E configurar un goberno municipal o antes posible. "
Angel Mato Mato é desde hoxe o undécimo alcalde de Ferrol.

Noticias web

15/06/2019