CRTVG

Buscar

Ángel Jove recibe o recoñecemento do colectivo empresarial galego en Madrid

Publicado o 06/03/2020 10:55

O empresario Ángel Jove, presidente do grupo Anjoca, foi entrevistado esta mañá no 'Bos días' despois de recibir onte o Premio Vitoriano Reinoso da Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (AEGAMA), nun acto que contou coa presenza de Nadia Calviño, vicepresidenta terceira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, así como con representantes dos eidos da economía e a política.

Jove lembrou que leva traballando desde os 16 anos, pero "como empresario, foi aos 20 anos cando fixen a miña primeira empresa". Tamén explicou como conseguiu os éxitos na súa traxectoria: "Traballando, non hai outra forma de chegar ás cousas", aínda que recoñeceu que pasou por moitas crises "e se foron superando con esforzo e moito traballo, e rodeado dun bo equipo profesional, que iso pode ter tanto valor como o que podo ter eu".

O empresario tamén falou sobre a crise do coronavirus e como lle afecta nos seus negocios hostaleiros: "O do virus, non é por meter medo, pero eu entendo que é grave. Oxalá nos equivoquemos, polo ben de todos". Asegurou que sofre as cancelacións nos hoteis: "Xa levamos días anulando moitas reservas que había nos hoteis, tanto aquí en Madrid como nas Canarias; posiblemente, onde menos se estea notando é en Andalucía".

Sobre a situación do sector da construción, Jove expuxo: "Nós, en Mallorca e nos sitios onde estamos, imos vendendo con dificultades", pero tamén sinalou que "nuns sitios máis que noutros; nós, grazas a Deus, imos vendendo".

Jove non quixo afondar demasiado na situación política do país: "Prefiro non falar de política, para min era mellor estar sen goberno. Hai gobernos que é mellor non ter", pero si opinou sobre a suba do salario mínimo interprofesional: "Para min a subida do salario é un engano a toda a xente" e, segundo el, "as cousas non se arranxan coas subas, arránxanse coas rebaixas. Igual que os gandeiros, non se arranxa coas subas de xornais nin de impostos porque, digan o que digan, repercute no consumidor".

Noticias web

06/03/2020