CRTVG

Buscar

Ángel Gabilondo recibe a alta hospitalaria tras sufrir unha arritmia

Publicado o 07/05/2021 15:23

Tras pasar un día ingresado por unha arritmia cardíaca, Ángel Gabilondo abandonaba este mediodía o hospital. Cre que a contenda electoral puido pasarlle factura. 

"Ese clima de esixencia permanente, de tensión emocional tan forte, pois puido influír", díxolle aos xornalistas. Aínda así, o que foi candidato do PSOE aos comicios madrileñeos cre que ten que aceptar a súa idade porque, asegura, xa non é "un mozo". Con 72 anos, xa confirmou que non vai recoller a acta de deputado na Asemblea.

É unha das consecuencias da desfeita que sufriron os socialistas nas eleccións do martes. Tamén cambia a dirección do PSOE en Madrid. Pedro Sánchez coloca á fronte da xestora unha persoa da súa máxima confianza, a deputada no Congreso Isaura Leal. E en Andalucía, adianta as primarias ao 13 de xuño. A actual secretaria xeral na rexión aínda non conseguiu falar co líder do seu partido, pero amósase convencida de que "nas próximas horas será posible".

Susana Díaz competirá nas primarias contra o alcalde de Sevilla, a quen moitos ven como o favorito de Ferraz. A vicepresidenta do Goberno Carmen Calvo asegurouu que o partido procurará "estar preparados coa mellor persoa e poñernos, como sempre facemos, todos detrás para cando cheguen as urnas".

A executiva do PSOE tamén decidiu abrirlle expendiente de expulsión a dous históricos, a Nicolás Redondo e a Joaquín Leguina. O que foi presidente de Madrid culpa dos resultados a Pedro Sánchez, a quen responsabiliza do que cualifica "desastre", e asegura que, se o expulsan, volverá ao PSOE "cando se vaia este señor".