CRTVG

Buscar

Nevarada histórica en Madrid con colapso nas estradas e comunicacións pechadas

Publicado o 09/01/2021 14:48

Madrid espertaba este sábado cun manto branco cada vez más groso, produto dunha nevarada histórica. A estampa non deixa de ser bucólica, pero esta noite foi de caos nas estradas e pola mañá completan o panorama un aeroporto de Barajas pechado e as viaxes por tren tamén interrompidas. E a neve segue ameazando durante esta xornada.

"Nestes momentos practicamente toda a cidade está arredor do medio metro de neve cando as previsións apuntaban a que poderían acadarse os vinte centímetros. Estamos nunha situación complicada, nunha situación grave e, polo tanto, a mensaxe que debo transmitir é quedar na casa", declaraba esta mañá o alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida.

Madrid esta noite os efectivos militares da UME axudan os automobilistas atrapados na neve a incorporarse ás zonas de vía minimamente despexadas. Sucedía en varios eixes, os que unen a capital con Móstoles, Alcorcón, Aranjuez ou Rivas-Vacíamadrid, entre outras.

E despois da noite, así amencían as principais vías de circunvalación, a M-30 e a M-40, só aptas para a condución dos máis atrevidos e con coches atravesados aquí e acolá, en diversos puntos do traxecto. De todas formas, unhas imaxes diferentes ás da noite, nas que primaban as longas reas de vehículos atrapados. "Neste momento estamos centrados no rescate de condutores que están atrapados en distintos puntos da comunidade de Madrid, en distintos puntos quilométricos, co obxectivo de poñelos en zona segura", sinalaba Carlos Novillo, director de Emerxencias 112 Madrid.

A media mañá eran case 1.100 os vehículos rescatados desde onte nas estradas madrileñas. Ademais, Renfe informaba da suspensión das viaxes por tren con destino ou saída desde Madrid e iso afecta tamén as liñas de AVE. Así mesmo, hai cortes en varios traxectos do metro.
Durante esta sábado estarán pechados tamén os parques e todos os equipamentos deportivos e culturais.

Noticias web

09/01/2021