O comité de Alcoa ameaza con volver á rúa se non avanza o acordo de venda
Medra o nerviosismo entre o persoal de Alcoa unha semana antes de que remate o prazo para chegar a un acordo sobre a venda da planta de aluminio primario de San Cibrao. O Goberno esíxelle á propietaria que facilite a venda á SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais) e considera ilegal a cláusula de indemnidade que pide coa fin de protexerse fronte a futuras reclamacións.
O comité de empresa pídelles ás administracións e á multinacional que "desencallen" o proceso de negociación para vender a factoria de Cervo. Ademais, lembra que a "paz social" está pactada ata o 29 de abril polo que, se non hai solución, poderían volver "á rúa" para "loitar" polos seus empregos.
En declaracións aos medios de comunicación, tras a reunión da Mesa Multilateral que tivo lugar este xoves, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, asegurou que, neste momento, hai "dous problemas" que están a dificultar a posibilidade de pechar un acordo.
Principais escollos
Por unha banda, a solicitude de "indemnidade" que expón Alcoa para quedar exenta de responsabilidades tras a venda e, por outro, a solvencia de Alvance, do grupo británico GFG, (propietario tamén de Liberty) con problemas tras a quebra da súa principal fonte de financiamento, o banco Greensill.
"Alvance entregoulle unha documentación ao Ministerio que agora ten que estudar. A nós dános igual que sexa Alvance ou calquera outro grupo industrial" o que compre a fábrica, recoñeceu Zan, sempre que as súas propostas industriais sexan "factibles e viables".
Segundo o presidente do comité, a "indemnidade" que pide Alcoa é "algo ilóxico", que está "fóra da lei". "Isto hai que desencallalo. Quen ten que dar solución a todo isto son os gobernos. Non imos ter problema en volver saír á rúa e loitar. Comprometemos a paz social e téñena ata o 29 de abril", engadiu Zan, pero "queremos solucións".
As condicións de Alcoa
Pola súa banda, representantes de Alcoa aseguraron que a compañía "mantén o seu compromiso de seguir avanzando nas negociacións" para completar o proceso de venda. En todo caso, matizaron que, para progresar, é necesario recibir "unha resposta do Goberno ou da SEPI á folla de condicións xerais" enviadas pola empresa o pasado 4 de febreiro.
Esa foi a condición que formulou a dirección de Alcoa na Mesa Multilateral, formada por representantes do Goberno central, da Xunta e do cadro de persoal.