CRTVG

Buscar

Nervios e incerteza na preparación das ABAU

Publicado o 09/06/2020 15:24

En cuestión de días empezan as probas da ABAU. Están citados uns 200.000 estudantes en toda España e vai ser, sen dúbida, unha das primeiras grandes mobilizacións a nivel estatal tras os días máis duros do coronavirus.

Os primeiros que se examinan son os de Navarra, que o farán en só dúas semanas. E xa contra o reloxo temos que hai sete comunidades autónomas que nas últimas horas aínda non comunicaron un protocolo de seguridade: serían Asturias, País Vasco, a propia Navarra, Cataluña, Valencia, Baleares e Canarias. As outras 11, entre elas, Galicia, si que teñen marcadas as pautas: desde o uso de máscaras e xeles, á distancia entre postos de exame ou mesmo á prohibición de xuntarse moitos mozos á entrada ou á saída das probas.

O paso previo ao acceso á universidade é aprobar o bacharelato e hoxe a maioría dos alumnos galegos souberon os resultados. Son as notas que recoñecen o esforzo de meses.

Este ano superar o curso requiriu un traballo extra. Para compensalo, Galicia é unha das comunidades onde non é necesario aprobar todo para ter o título de bacharelato.

Na nosa comunidade as probas serán o 7, 8 e 9 de xullo. Ata daquela, quedan moitos nervios por diante para afrontar un exame que, de seguro, é mellor do que agardan os estudantes. 

Noticias web

09/06/2020