CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Nenos con diferentes discapacidades intelectuais aprenden música no Conservatorio Profesional da Coruña

Publicado o 22/02/2018 21:40


O Conservatorio Profesional de Música da Coruña desenvolve un proxecto de innovación pedagóxica, único en Galicia, en que se imparten ensinanzas musicais a nenos con necesidades educativas especiais. Oito nenos participan este curso no proxecto e xa ofreceron un concerto.

O obxectivo deste proxecto é o de dar a oportunidade a nenos con necesidades educativas especiais accceder ás ensinanzas musicais de grao elemental. Para participar nesta iniciativa valóranse as aptitudes musicais dos rapaces.

"A verdade é que é todo un reto para o profesorado que ten que cambiar totalmente a metodoloxía e adaptarse aos rapaces, ao seu ritmo de aprendizaxe, pero a verdade é que os resultados están demostrando que é un proxecto que vale a pena", afirma Isabel Gómez Alonso.

Oito rapaces, con diferentes discapacidades intelectuais, axudados por 15 profesores, participan neste proxecto en que apenden a tocar diferentes instrumentos.

"Eu toco pecusión, toco a marimba e a caixa", di Laura Novoa Vázquez.

Tras case un ano de curso, estes nenos xa foron quen de ofrecer un concerto. Nesta ocasión contaron coa colaboración dunha rapaza invidente que están en terceiro curso de piano. Natalia Beade, de 12 anos, en realidade quería ser cantante, pero o seu profesor na Escola Muncipal de Música convenceuna de que tiña aptitudes para tocar o piano, aínda que para ela supón un dobre esforzo.

"A ver, as partituras, nós as persoas cegas témolas que aprender de memoria, porque como temos que ler coas mans, non podemos ler e tocar coas dúas mans á vez", afirma Natalia Beade.

O proxecto comezou hai seis anos. É único en Galicia e só hai outros dous centros en España que o desenvolven. Os rapaces que participan logo poden pasar a formar parte doutras agrupacións do conservatorio como a banda infantil, a orquestra e o coro.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

22/02/2018