CRTVG

Buscar

Nelago é a primeira muller namibiana capitá de barco

Publicado o 06/03/2019 17:34

A incorporación da muller a profesións que durante anos estiveron reservadas aos homes non é tarefa doada. Hoxe contámoslles o exemplo dunha pioneira á fronte dun barco de pesca na costa africana. Joanna Kwedi formouse para ser capitá de barco e, logo de 16 anos traballando para Pescanova en Namibia, pode dicir, fachendosa, que abriu camiño.

É a primeira vez que Joanna Kwedhi visita Europa, e faino porque ela é o fío condutor do documental que acaba de presentar Pescanova, a empresa para a que traballa desde hai 16 anos. Joanna autoalcúmase Nelago, que significa afortunada.

"Dígome a min mesma que son unha muller afortunada porque desde que nacín, moi lonxe de onde traballo, na miña aldea, ninguén coñecía nin tiña experiencia co mar, estabamos moi lonxe do mar. E eu decidín facer algo diferente na miña vila".

Púxose a estudar no Instituto Marítimo-Pesqueiro de Namibia ata que o conseguiu. E hoxe é a primeira muller do seu país co título de capitá de barco.

"Este traballo é un desafío. A vida no mar, en si mesma, non é doada, e traballar con homes no mar, sendo a única muller... algúns pensan, non vai ser capaz, outros din, unha muller non pode darme ordes... Pero hai regras e regulacións que fan que todo poida ser posible".

Nelago vive agora co seu fillo en Lüderitz, a localidade que progresou grazas á industria pesqueira. Pasa semanas no mar, indo á pescada, e o camiño ata aquí non foi doado. Pero hoxe pode dicir que cumpriu o seu soño, e anima todas as mulleres a perseguir os seus ata o final.

"Teñen que seguir adiante, avanzar, insistir, insistir... As mulleres somos moi fortes!".

Noticias web

06/03/2019