CRTVG

Buscar

Navarra decreta a fase 2 en Mendillorri e Cataluña estuda pechar o ocio nocturno

Publicado o 23/07/2020 09:05

Sanidade contabiliza 224 brotes activos de coronavirus, son 23 máis que hai dous días. Unha das novidades é a repunta de Navarra, polo foco orixinado no barrio pamplonés de Mendillorri. Suma xa 122 contaxiados e retrocede á fase 2. Navarra é a terceira comunidade con máis incidencia de casos, por detrás de Aragón e Cataluña. O Goberno foral vai realizar PCR a todos os mozos deste barrio entre 17 e 28 anos, uns 2.500, porque representan o 93 por cento dos afectados co ocio nocturno no punto de mira.

Santos Induráin, conselleira de Saúde de Navarra:"Brotes producidos nos ámbitos familiares e moi especialmente relacionados co ocio nocturno de persoas moi novas e que teñen moitos contactos estreitos."

 A Generalitat estuda pechar o ocio nocturno

En Cataluña, a propagación do virus parece estabilizarse na comarca do Segrià, mentres en Lleida habilitaron un hotel para os positivos que non teñan onde illarse. Os casos aumentan de xeito preocupante en Barcelona, que rexistra a terceira parte dos novos positivos. A Generalitat fará 30.000 probas ao día para a detección precoz, segue limitando a ocupación nas praias, e estuda medidas polémicas como o peche dos locais de ocio nocturno de toda Cataluña.

Estes rebrotes causan inseguridade e as cancelacións de viaxes persisten. A Ministra de Turismo confía en que o plan de resposta rápida aprobado entre o Ministerio e as comunidades reforce a confianza no sector.

No hospital da localidade valenciana de Xátiva, unha traballadora do servizo de urxencias deu positivo e estanse facendo probas ao resto do persoal. Euskadi contabiliza 111 novos positivos, máis da metade deles en Biscaia.
 

Noticias web

23/07/2020