CRTVG

Buscar

Navarra, Cataluña e Andalucía endurecen as restricións ante o aumento de contaxios

Publicado o 13/10/2020 15:17

O Goberno e a Comunidade de Madrid, o chamado Grupo Covid-19, reúnense este martes por primeira vez tras a declaración do estado de alarma que afecta a capital e outros 9 municipios.

O Partido Popular anuncia que pedirá a retirada da medida. Sanidade confirma unha incidencia acumulada nos últimos 14 días de 501 casos por 100.000 habitantes, polo que -di- aínda non se dan as circunstancias.

"Hai que baixar incidencia acumulada por debaixo de 500 e de 100", di Salvador Illa, ministro de Sanidade. "Cando se cumpran os criterios levantaremos o estado de alarma sen ningún problema", conclúe.

Pablo Montesinos, vicesecretario de comunicación do PP di: "O obxectivo é que Pedro Sánchez dialogue e deixe de impoñer, que se dea de conta de que isto vai do conxunto de España, e que hai que articular un marco xurídico para as comunidades".

O aumento dos contaxios obriga a impoñer medidas máis restritivas tamén en Navarra. Dende este martes o Goberno foral limita as reunións a 6 persoas e reduce horarios e ocupacións en comercios e hostalería. É a comunidade con máis novos positivos na última xornada. En 24 horas rexistráronse 546 contaxios. E a incidencia acumulada supera os 740 casos por 100.000 habitantes.

Cunha incidencia acumulada de 262 casos por cen mil habitantes, Cataluña tamén vai adoptar medidas máis drásticas. Dende o xoves as universidades impartirán as clases a distancia. E a partir do venres, haberá novas limitacións na hostalería. A comunidade notificou 1.280 novos casos nun día, e hai xa case 1.000 hospitalizados, polo que preocupa a sobrecarga do sistema sanitario.

Andalucía é outra das comunidades que aplica novas restricións dende hoxe. Nas últimas 24 horas a comunidade sumou 1.319 novos positivos. E ten unha incidencia acumulada de máis de 190 casos por cen mil habitantes.

Noticias web

13/10/2020