CRTVG

Buscar

Navantia presenta unha lancha autónoma que patrulla xa no porto de Ceuta

Publicado o 08/07/2021 15:33

'Vendabal' xa é máis ca un prototipo de lancha tripulada en remoto. Desde o stand de Navantía na sexta edición de UNVEX que se celebra estes días na Cidade da Cultura de Santiago, amosaron en tempo real unha das patrullaxes habituais que fai no porto de Ceuta desde fai máis dun ano. Segue levando un patrón a bordo porque a lei obriga a que sexa así, pero realmente quen dirixe a nave é un técnico da torre de control do porto.

"É unha embarcación deseñada co estaleiro Aiter de Vigo e Navantia dotouna de todos os sistemas que a coverten en autónoma", di Alfonso Cardona, director Comercial de Sistemas de Navantia. "Isto ofrécenos a posibilidade de que desde un centro de control que está operado 24 horas ao día poidamos poñer o barco na auga sen necesidade de esperar que a tripulación chegue ata o barco", engade César López Ansorena, director da Autoridade Portuaria de Ceuta. 

Eventos coma este facilitan a concorrencia entre empresas para lograr novas solucións neste tipo de mobilidade en remoto e ofrecen un espazo de visibilidade aos novos deseños. Un exemplo sería o Anduriña 25, creado por unha empresa compostelana para o transporte de mercadorías de ata 5 quilos. "É o primeiro prototipo que imos sacar ao mercado. Básicamente é un avión de ala fixa con capacidade de engalar e aterrar en calquera sitio," explica Pedro Outón, Director Técnico de SAEGA, Solucións Aeronáuticas de Galicia. 

O punto forte doutro dron, o Cies, feito en Nigrán, é que ofrece unha gran autonomía grazas a que se move por enerxía solar o que o fai moi indicado para o control de incendios no verán ou para o seguemento das condicións de humidade e temperatura en certos terreos de cultivo.

Noticias web

08/07/2021