CRTVG

Buscar

Navantia bota o 'Stalwar', o segundo buque loxístico para a Armada australiana

Publicado o 30/08/2019 21:00

• Finalizan así catro anos de traballo no estaleiro ferrolán

• No 2021 comezará a fabricación das novas fragatas F110



En Navantia Ferrol celebrouse esta tarde a botadura do segundo dos dous buques loxísticos que está construíndo para a Mariña australiana. Durante o acto, a presidenta de Navantia dixo que o estaleiro vai comezar axiña o plan para modernizarse. Alberto Núñez Feijóo pídelle ao Goberno central carga de traballo para o naval ferrolán para o ocupar os dous anos que quedan ata que comecen a construír as fragatas F-110.

Ás 5 e 14 minutos da tarde, coincidindo coa preamar, o Nuship Stalwart baixaba das plataformas á ría. A presidenta de Navantia agradecía a confianza da Armada australiana na compañía española e anunciaba que van comezar axiña a poñer en marcha o plan para modernizar este estaleiro para construír as fragatas F110. Susana de Sarriá destacou que ese plan inclúe 160 millóns en investimentos, a creación de 700 empregos na comarca e diversificar a actividade.

Susana de Sarriá, presidenta de Navantia: "Seguimos facendo un intenso labor comercial nos negocios de reparación e eólica mariña. Conseguiuse un contrato para a ampliación da vida operativa dun barco off shore que suporá 600 postos de traballo o vindeiro ano".

O presidente da Xunta di que o naval galego vive un bo momento, pero pídelle ao Goberno que concrete unha proposta que garanta carga de traballo para Ferrol durante os dous anos que van dende que se remata a encarga para Australia e comeza a construción das fragatas.

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia: "A preocupación dos sindicatos, dos traballadores, das empresas auxiliares e da Xunta é obxectiva e real. Agardo que a SEPI concrete se se pode facer ese novo barco para a Armada que daría garantía de traballo para o período ponte que vai haber entre o primeiro semestre do 2020 e o inicio das fragatas no 2022".

A presidenta de Navantia e Feijóo agradeceron o traballo do cadro de persoal do estaleiro, que entregan un buque, destacaron, coas mellores calidades e cumprindo os prazos.

 

Noticias web

30/08/2019