CRTVG

Buscar

Natxo González, satisfeito coa marcha do Deportivo

Publicado o 11/01/2019 17:19

Imos co Deportivo, que mañá pecha a primera volta en Mallorca, visitan os herculinos o oitavo clasificado. Esta mañá a expedición deportivista poñía rumbo ás Baleares. O Deportivo tentará acadar un triunfo que o devolva aos postos de ascenso directo. Pero atención, o Deportivo non gaña a domicilio desde o pasado 30 de setembro. Un dato que non pasa desapercibido. 

Natxo González, adestrador do Deportivo: "Os datos están aí. Por suposto que queremos gañar sempre e non o estamos conseguindo. Porén, hai que ter tranquilidade porque nesta vida todo chega".

Natxo González asume un baixón no xogo, pero intenta evitar que as dúbidas da contorna se transmitan ao vestiario:  "Que baixo ningún concepto nos poida desequilibrar o que pase de portas para fóra. Nin para o bo, porque as gabanzas debilitan, nin para o malo. Isto é así".

Por iso evita dar síntomas de preocupación. Mesmo afirma que, a principio de temporada, asinaría se lle garantisen a puntuación actual a esta altura.

"Si, si, batería palmas coas orellas se nese momento me din que chego con 36 puntos, que poden ser 39, ao final da primeira volta".

En Mallorca atopará un rival que se fai forte na casa. E un vello coñecido na arbitraxe: Ais Reig, aquel que expulsou con moita polémica a Marí e a Borja Valle en Córdoba.

Carles Gil ten unha oferta dos Estados Unidos

Carles Gil non viaxou a Mallorca porque o Deportivo podería traspasalo nas próximas horas. O Deportivo sopesa a oferta económica que un club dos Estados Unidos pon enriba da mesa polo mediapunta. O Deportivo obtería liquidez para poder facer algún reforzo de garantías. Nesa mesma liña se enmarca o retorno de Albentosa. A idea do Deportivo é buscarlle acomodo noutro club para obter un maior beneficio. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/01/2019