CRTVG

Buscar

Natxo González: "O ascenso? Minuto 93 do último partido"

Publicado o 09/01/2019 17:35

Mentres algúns se ocupan do VAR, o adestrador do Deportivo trata de recuperar a mellor versión do seu equipo. Natxo González fala do ascenso, ao tempo que recoñece o momento de dúbida do Deportivo. Pero para Natxo González o ascenso está no minuto noventa e tres do último partido de liga: "Na xornada 42 e no minuto 93. Téñoo moi claro. Vai ser moi difícil que un equipo consiga os obxectivos faltando tres xornadas. Vai haber que sentar e poñer o cinto porque van chegar curvas importantes, e vai ser así ata o último segundo".

No ecuador da Liga, Natxo González declárase satisfeito coa marcha do equipo, pero non agocha que atravesa o momento máis baixo: "Dino os números. Eu coido que é algo natural nunha competición tan longa. O importante é manter a calma e ser equilibrados".

Un equipo que non perde na casa, pero tampouco gaña fóra desde hai tres meses: "Quizais un problema é que somos o Deportivo e cremos que temos que arrasar en todos campos e non é así".

Unha responsabilidade que tamén senten os xogadores. Ao técnico non lle tremeu o pulso para deixar no banco mesmo o goleador Quique González: "Ninguén é intocable. Non pasa nada por que o maior goleador do equipo o teñamos que sentar un día. Mesmo lle pode vir ben a el a nivel psicolóxico".

O mercado está aberto. O vasco afirma que non precisa reforzos: "Non é que vexas unha necesidade porque estás moi coxo nunha posición e necesitas unha peza. Eu creo que non é ese o caso".

Tampouco teme saídas importantes. Tocante ao interese do Sporting de Portugal por Domingos Duarte, é tallante: "Domingos Duarte vai estar aquí ata xuño polo menos".

Xuño, ese mes no que agarda verse por fin en Primeira.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/01/2019