CRTVG

Buscar

Nas últimas horas caeron case 3.500 raios en Galicia

Publicado o 09/09/2018 15:37

Foron case 3.500 raios en Galicia os que se rexistraron nas últimas horas. Moitos deles, concentrados na zona de Ourense. Treboada, sarabiada... E é que o das últimas horas foi un patrón de tormentas moi irregular, con puntos onde apenas choveu moi próximos a outros onde ocorreu xusto o contrario. A maior parte das incidencias, no interior de Galicia. Así pasou na cidade de Ourense, que se asolagou cunha hora de chuvia intensa. 

E deste incendio que calcinou unha adega en Bouteiro, no concello do Carballiño, tamén culpan ás inclemencias do tempo, pois podería ter sido causado por un raio. Non houbo danos persoais pero si materiais. Efectivos de emerxencias do Carballiño e dos bombeiros da localidade colaboraron para sufocar as lapas e evitar que se estendera máis este lume que prendeu ás tres da madrugada. As lapas acabaron con varios vehículos agrícolas e cubas para elaborar viño. 

A tormenta que paralizou Ourense comezou ás sete da tarde. Un dos lugares onde estivo posta toda atención foi o barrio do vinteún.

As alarmas disparáronse nesta estación de servizo da avenida de Santiago. Un forte olor a gas fixo temer que a caída dun muro provocara unha fuga e pasara a maiores. Os bombeiros revisaron a contorna e detectaron que unha das bombonas perdera o seguro, finalmente, quedou nun susto, e parte da gasolineira está valada por seguridade. Foi unha das moitísimas incidencias que os equipos de emerxencias de Ourense tiveron que atender en tempo récord.

Durante unha hora choveu a cachón en Ourense. Os sumidoiros botaron por fóra en varias rúas da cidade, provocando retencións de tráfico incluso na autovía das Rías Baixas e colapsando a estrada nacional 525. Así foi que os condutores tiveron serios problemas e incluso houbo quen solicitou a axuda dos servizos de emerxencias. Os bombeiros de Ourense atenderon incidencias de todo tipo en moi pouco tempo.

As imaxes falan por si soas: recolleron seis árbores que tombaron probablemente os refachos de vento de ata 60 quilómetros por hora, que tamén afectaron cubertas e levaron tellas. Na cidade das Burgas tamén rexistraron outras incidencias por baixos anegados en distintas rúas. Os problemas non só afectaron a capital da provincia. Barbadás, Valdeorras e O Carballiño tamén sufriron as inclemencias meteorolóxicas na xornada na que a sarabia, o vento, a auga e os raios se despregaron especialmente no interior de Galicia, que rexistrou 3.448 raios á tarde. E así o contan moitas persoas nas redes sociais, que compartiron cos compañeiros do tempo da TVG imaxes coma estas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/09/2018