CRTVG

Buscar

Nas residencias de maiores de Galicia hai 556 casos activos: 421 anciáns e 135 coidadores

Publicado o 12/10/2020 20:33

Nas residencias de anciáns galegas baixan lixeiramente os casos activos de covid−19 entre os usuarios. Hai agora mesmo 421 anciáns contaxiados, e o principal foco segue sendo o xeriátrico do Pereiro de Aguiar, onde hoxe mesmo se comunicou un novo falecemento dun residente.

Especialmente significativos son os datos da residencia do Incio: sufriu 21 baixas desde que a mediados de agosto se detectou o primeiro caso de covid−19 nunha das súas traballadoras. Entre anciáns e coidadores, chegou a haber 120 contaxiados. Hoxe quedan 21: doce maiores e nove empregados. Este domingo houbo 30 altas.

"Agora isto está xa normalizado. Non se deu ningún caso fóra da residencia, e na residencia parece que está indo todo a mellor. Entón isto está bastante tranquilo".

Mentras no Incio se estabiliza, a situación continúa sendo moi complicada noutras residencias de maiores de Galicia. O maior foco de contaxios segue estando na residencia Os Gozos, do Pereiro de Aguiar, con 175 casos activos: 150 usuarios e 25 traballadores. Na DomusVi de Outeiro de Rei, hai aínda 130 residentes e 20 coidadores contaxiados. Ambas están intervidas pola Xunta. En total, nos xeriátricos galegos hai 556 casos activos.

Noticias web

12/10/2020