CRTVG

Buscar

Ningún dos catro mortos que houbo nas praias con socorristas foi por afogamento

Publicado o 23/08/2019 13:24

Pequenos traumatismos, cortes, picaduras de insectos ou de fanecas conforman o groso das incidencias nos areais galegos no que levamos de verán, e este ano en menor cantidade que outros. Iván Bello, socorrista na praia de Barraña en Boiro, explica que "está vindo pouca xente porque está sendo un verán bastante frouxo en canto ao tempo", algo que corroboran desde a Axencia Galega de Emerxencias. O xefe de Operacións e Loxística do organismo público confirma que  "é un verán completamente normal a estas alturas do ano, incidencias sen importancia, en que non está en risco a seguridade humana".

De feito, desde primeiros de xullo, as praias dotadas con servizos de socorrismo rexistraron catro falecementos e ningún deles foi por afogamento. Con todo, os técnicos de emerxencias lembran que o feito de que haxa socorristas nas praias non exime da responsabilidade persoal, e lamentan, como Iván Bello, que "a xente é bastante temeraria, fíase bastante do mar, e o mar é perigoso". Argibay subliña que "ademais de coñecer a zona onde nos bañamos, hai que prestar especial atención aos máis vulnerables, especificamente aos nenos".

Facer unha entrada progresiva na auga e non de golpe, nadar en paralelo á costa e a poder ser acompañados e, no caso de que se produza algún incidente, manter a calma e pedir axuda son os principais consellos da Axencia Galega de Emerxencias.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/08/2019