CRTVG

Buscar

Nais de Oza dos Ríos sospeitan dun home que rolda polo parque onde xogan os nenos

Publicado o 10/01/2019 14:01

En Oza dos Ríos están en alerta ante a sospeita de que un home roldando en dúas ocasións polo parque onde xogan os cativos.

Segundo contan alí, o individuo intentou achegarse a catro rapaces. Dúas nais contáronnos que van denunciar formalmente o caso esta tarde.

O parque de Oza dos Ríos situado onda a casa do Concello é onde din que viron o home que o día 4 se achegou a catro rapaces, supostamente, con intencións non boas. Segundo nos contaron dúas nais, o mesmo home -alto, moreno, con cicatriz onda un ollo e que usa unha furgoneta- volveu canda outra tres persoas ao mesmo punto este luns.

As nais, preocupadas por se o sinalado individuo supón un risco para os cativos, avisaron a Garda Civil. Efectivos do cuartel de Curtis desprazáronse aquí e preguntáronlles aos pequenos, mentres alguén despregaba a alerta por unha rede social.

Esta mañá falamos con dúas das nais e dixéronnos que teñen medo de que lles poida pasar algo aos cativos. Explican que procuran non deixalos sós na rúa nin no parque e piden vixilancia da Garda Civil. Dixéronnos tamén que esta tarde acudirán cos cativos aos que abordou o home sospeitoso ao cuartel da Garda Civil de Betanzos para deixar, formalmente, constancia  do sucedido. 

 

 

Noticias web

10/01/2019